VOLUNTARIADO INTERNACIONAL EN MARRUECOS
NOME Silvia Campos López VECIÑA DE San Pedro de Sarandón TÍTULO DO PROXECTO Proxecto Tighdouine LUGAR DE REALIZACIÓN Marrocos DATAS DE REALIZACIÓN do 03/08/2016 - 20/08/2016.
DESCRICIÓN DO PROXECTO: Este proxecto nace para tentar transformar a realidade na que tantas nenas e nenos do entorno rural marroquí viven. Non se trata só de actividades voluntarias, senón de dar fin a aquilo que non dignifica a vida da infancia. Así este proxecto serviu para o deseño dunha intervención comunitaria que satisfaga de forma precisa e coherente as necesidades do pobo, aumentando a súa calidade de vida.
Baseouse, así mesmo, en lograr que as nenas e os nenos que acoden as nosas actividades, gocen e aprendan de e no seu tempo libre e de lecer. Esta aprendizaxe dende a educación non formal favorece a socialización de cada menor, baseándonos en valores como a tolerancia, o compañeirismo e a igualdade de oportunidades.
O equipo de voluntariado estivo encargado de implantar as actividades designadas, propoñendo ideas e tendo iniciativa ante as situacións ás que se enfrontou. Así, formáronse os distintos grupos de traballo: a aula de idiomas, o equipo de xogos, o equipo de restauración e o equipo de creatividade e sostibilidade, no que eu estiven a desenvolver obradoiros de manualidades e expresión creativa, baseadas na reciclaxe.
FINALIDADE-OBXECTIVOS:
Obxectivo Xeral:
- Activar un espazo educativo para os grupos infanto-xuvenís, favorecendo o óptimo desenvolvemento sociocultural das nenas e nenos do lugar a través dunha oferta baseada no lecer e no tempo libre.
Obxectivos Específicos:
- Reforzar, a través de obradoiros escolares, a educación formal básica recibida.
- Posibilitar á poboación infantil e xuvenil a participación activa e inclusiva en actividades lúdicas, creativas, deportivas e recreativas.
- Reparar as carencias infraestruturais e de mobiliario do centro escolar para o seu correcto e digno funcionamento.
- Visualizar e reivindicar a cultura amazigh en Tighdouine a través das nenas e nenos do pobo.
RESULTADOS A DESTACAR:
Conseguimos aportar outra visión da educación ás nenas e nenos, acostumados a unha ensinanza vertical e con castigos. Con nós podían expresarse, tiñan liberdade de decisión e expresión, asumindo as obrigas que esta supón. Recibían afecto e compañeirismo, aprendendo a coidar uns dos outros, a cooperar.
Creo que influímos en toda a poboación de Tighdouine, respectando a súa cultura e sendo agradecidos e amables con todo o que alí teñen, que se ben non é todo o material ao que estamos acostumados, é algo moito máis valioso, como a felicidade e tranquilidade.
Restauramos a escola, facendo que fose un lugar con alegría e máis atraente e cómodo para as alumnas e alumnos e, como á vez realizabamos as distintas actividades nela, dotándoa dun significado de lecer.
OUTRAS EXPERIENCIAS DE MOBILIDADE NAS QUE PARTICIPARAS:
Intercambio Europeo en Melgaço (Portugal)