VOLUNTARIADO INTERNACIONAL EN COSTA RICA

NOME Rubén Vilasenín Iglesias VECIÑO DE Vedra TÍTULO DO PROXECTO Voluntariado ambiental na península de Osa LUGAR DE REALIZACIÓN Costa Rica DATAS DE REALIZACIÓN do 24/08/2016 - 14/09/2016.

DESCRICIÓN DO PROXECTO: Realización de voluntariado ambiental na área de influencia do Parque Nacional de Corcovado, coa Fundación Corcovado.

Entre o 24/08 e o 5/09 _ Desenvolvemento do programa de educación ambiental con mocidade entre os 6 e os 17 anos, na poboación de Bahía Drake (comunidades de El Progreso, Rancho Quemado, Agujitas e Los Ángeles).

O programa levaba 13 anos traballando coas mozas e mozos das diferentes comunidades realizando actividades puntuais de educación ambiental (principalmente en formato obradoiro). Dúas semanas antes da miña chegada ao programa, crearon a figura de "grupos ambientais" para que as rapazas e rapaces de maior idade non se escapasen do programa pola desmotivación que lle producía traballar ao mesmo nivel e ritmo que os máis pequenos/as.

Entre o 6/09 e o 14/09 _ Colaboración no programa de conservación de tartarugas mariñas, na comunidade e praia de Río Oro.

A pesar de ter varios anos de traxectoria, o programa de conservación de tartarugas mariñas cumpría o seu segundo ano na poboación illada de Río Oro. A pesar de traballar con tartarugas verdes, carey e lora, principalmente o programa estaba centrado nesta última. As tarefas do programa eran: patrulleo nocturno, censo matutino, toma de datos estatísticos, recolocación e exhumación de niños, axuda ao nacemento e marcaxe de tartarugas.

FINALIDADE-OBXECTIVOS:

No programa de EA, o obxectivo principal á miña chegada era o de concienciar á poboación moza do valor ecolóxico da contorna da Península de Osa; mais dentro da miña labor voluntaria o obxectivo mudou cara a facilitación de ferramentas e a creación de dinámicas de participación de cara a un maior empoderamento xuvenil, empregando a EA como instrumento.

No programa de conservación de tartarugas mariñas, o obxectivo é o de protexer as poboacións reprodutoras de tartarugas mariñas da zona, especialmente da tartaruga lora.

RESULTADOS A DESTACAR:

Durante o meu tempo no programa de EA, conseguemos cambiar a visión do programa (centrado até entón en contidos exclusivamente biolóxicos) cara unha enfoque que contemplase a EA como ferramenta para traballar a multitude de problemáticas sociais detectadas na miña estancia no programa (falla de participación, cultura non democrática, sexualidade, drogas e alcol, machismo). As miñas dúas semanas no programa adiqueinas, por iniciativa propia, a comezar a preparar un pequeno plan de EA que contemple o conxunto da comunidade e que fomente o desenvolvemento de axentes de cambio entre a poboación moza.

Durante o meu tempo no programa de conservación de tartarugas mariñas, como novidade aos grupos de voluntarios predecesores, acadamos que o MINAE (ministerio de ambiente e enerxía) contribuíse minimamente na vixiancia da praia de Río Oro, debido á queixa que interpuxemos pola constante presenza de oveiros (persoas que asaltan os niños das tartarugas) na praia que patrullabamos.

OUTRAS EXPERIENCIAS DE MOBILIDADE NAS QUE PARTICIPARAS:

International youth meeting en Bozen.

VOLTAR A EXPERIENCIAS DE VOLUNTARIADO INTERNACIONAL

100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar