TALENTO INTERXERACIONAL
DESCRICIÓN
Este Programa de Voluntariado Interxeracional no Medio Rural está vinculado co proxecto piloto Talento Interxeracional, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Levouse a cabo no Concello de Vedra entre outubro de 2022 e novembro de 2023. Participaron 6 mozos/as de 16 a 35 anos e 6 persoas maiores de 55 anos. O labor de voluntariado realizouse por parellas, é dicir un mozo/a e un/ha maior. As accións propostas baseáronse no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que serviron como catalizadoras para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, en actividades que presentaban maiores dificultades de remuda xeracional. As liñas de acción específicas foron:
LIÑA TURÍSTICA. PROXECTO "SON VEDRA": Dar a coñecer o Concello de Vedra e a súa riqueza a nivel patrimonial, cultural e histórica.
LIÑA AGROALIMENTARIA. PROXECTO "AGROVEDRA": Poñer en valor o saber popular e o mantemento das tradicións no sector agroalimentario.
LIÑA DE COHESIÓN TECNOLÓXICA E DIXITAL. PROXECTO "VEDREA": Fomentar a dixitalización nas persoas maiores.
OBXECTIVOS
Poñer en valor as aportacións das persoas voluntarias como recurso fundamental dentro da nosa comunidade.
Promover accións interxeracionais que fomenten a relación e o intercambio de coñecementos entre as distintas xeracións.
Crear un programa para levar a cabo accións de voluntariado que poñan en valor o Concello de Vedra a nivel patrimonial, cultural e social.
METODOLOXÍA
Ao longo de todo o programa levouse a cabo unha metodoloxía de participación e escoita activa, adaptación a ritmos, tempos e espazos, formación e avaliación continua, e potenciación dos recursos do territorio.
RESULTADOS
Esta iniciativa tivo unha base eminentemente social que contribuíu, por unha banda, ao recoñecemento do valor intrínseco da acción voluntaria e á súa proxección con esta intervención, así como ao enriquecemento persoal das persoas voluntarias (novas e maiores) a través da vivencia e o intercambio de talento, experiencias vitais e de coñecemento, fomentando unha convivencia respectuosa e solidaria entre as persoas participantes, unha actitude participativa, a equidade de xénero, os hábitos de vida saudables e un comportamento responsable co medio rural e natural.
Este proxecto axudou a recoñecer as posibilidades que ofrece o medio rural, e mostroulle á mocidade as oportunidades de futuro que pode achegar tanto a nivel individual como social e, por outra banda, puxo en valor a experiencia das persoas maiores en diferentes eidos produtivos, así como captou as súas necesidades asistenciais, culturais ou vitais máis inmediatas en función das súas preferencias e desexos.