SERVIZO VOLUNTARIO EUROPEO
NOME María Núñez Gamallo VECIÑA DE San Miguel de Sarandón TÍTULO DO PROXECTO Volunteers change lifes LUGAR DE REALIZACIÓN Portugal (Lisboa) DATAS DE REALIZACIÓN do 01/10/2014 a 31/07/2015.
DESCRICIÓN DO PROXECTO: O meu proxecto de voluntariado desenvólvese na etapa de Educación Infantil dun colexio de Casa Pia con nenos en risco de exclusión social en Lisboa. A miña tarefa era estar de apoio dunha das mestras nunha aula con nenos de 5 a 6 anos, axudándoa coas actividades destes no seu día a día. O meu horario era de luns a venres das 9:00 horas ás 15:30 horas.
Pola mañán, axudaba á profesora coas rutinas diarias de clase, nas diferentes actividades ou nas diversas situacións que puidesen xurdir; ademáis de preparar as miñas propias actividades para logo realizar con eles. Despois das clases, ao mediodía, axudaba no comedor coas comidas e o aseo dos nenos. Logo do xantar e dunha pequena sesta, os cativos tiñan dúas horas máis de actividades, nas cales a gran maioría dos días eran realizadas por min.
Aparte destas tarefas diarias tamén tiña formacións ou actividades directamente ligadas co voluntariado europeo realizadas pola miña asociación de acollida, como promover o SVE en diferentes espazos da cidade, ir á radio nacional a falar de miña experiencia como voluntaria estranxeira ou facer festas temáticas con todo o grupo de voluntarios europeos que esta asociación acollía.
FINALIDADE-OBXECTIVOS:
A finalidade deste proxecto era o acompañamento a estes rapaces no seu día a día, intentando axudarlle e facilitarlle na medida do posible as súas vidas, que en moitos casos era mesmo complicada.
Os obxectivos deste proxecto, entre outros moitos, foron:
Participar nas tarefas diarias dos nenos e nenas e organizar diversas actividades (xogos tradicionais, manualidades, taller de español, taller de cociña, taller de ciencias...).
Dar apoio aos profesores na súa clase, como en celebracións especiais que se fagan no centro escolar ou fora del.
Axudar aos alumnos na medida do posible cando estes o necesiten.
Participar en campañas escolares que o colexio leve a cabo, como as visitas de estudio ou as semanas de campamento cos nenos e nenas durante o mes de xullo.
Divulgar programa de Xuventude en Acción ou do Servizo de Voluntariado Europeo.
RESULTADOS A DESTACAR:
Despois deste tipo de experiencias, as cales son moi intensas e con infinitos sentimentos que se mesturan derivados das moitas vivencias que estás a levar a cabo, é dificil destacar un número de resultados xa que vives moitas cousas e todas elas comprimidas nun só ano.
No meu caso, todos os resultados foron inmensamente positivos, dende a realización do proxecto sen ningún tipo de problema, a adaptación dos nenos e nenas a min, o apoio constante da asociación de acollida como da asociación de envío e a gratitude das mestras e familias á hora de axudarlle.
Foi unha experiencia enormemente positiva e na cal aprendín en todos os aspectos da miña vida, xa que nun primeiro momento a intención é ir e axudar na medida do posible, pero a convivencia con todos estes nenos faite abrir os ollos e darte de conta de que son eles os que te están axudando a ser mellor persoa, demostrándoche que con pouco que teñas se o compartes sempre será máis grande.