LABORATORIO TEATRAL DE VEDRA ou LTV

NOME DA ENTIDADE Vedramáticos TÍTULO DO PROXECTO Laboratorio Teatral de Vedra PÁXINA FACEBOOK www.facebook.com/vedramaticos CONTACTO vedramaticos@gmail.com

DESCRICIÓN DO PROXECTO:

O Laboratorio Teatral de Vedra (LTV) concíbese como un proxecto cuxa finalidade é que mozos e mozas do concello de Vedra e outros municipios da contorna interesados no mundo das artes escénicas e sen experiencia teatral previa poidan achegarse ao xogo dramático e adquirir coñecementos básicos sobre os diferentes elementos que compoñen una representación teatral.

Con este obxectivo, durante dúas fins de semana desenvólvense un total de 6 obradoiros (Distensión; Expresión corporal e voz; Texto e interpretación; Vestiario, maquillaxe e atrezo; Medios técnicos: iluminación e son; e Montaxe e posta en escena) que pretenden ofrecer aos participantes unha aproximación ao teatro como proceso integral.

O LTV está dirixido a un máximo de 30 alumnos con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos que se distribúen en grupos de traballo de 7-8 persoas co fin de potenciar a participación e garantir unha mellor atención por parte dos docentes. Como práctica final, cada grupo realiza unha breve representación teatral cunha duración aproximada de 15 minutos, que estará aberta ao público xeral.

A iniciativa pretende fomentar as inquedanzas artísticas e creativas entre os alumnos participantes, co obxectivo de que queiran seguir formándose como actores ou espectadores de teatro. Agárdase tamén que esta experiencia estimule a formación de agrupacións de teatro locais integradas por xente nova ou a incorporación dos mozos aos grupos xa existentes o que, sen dúbida, atraería ao público mozo ao teatro.

Finalmente, o proxecto quere contribuír a enriquecer a oferta cultural destinada á comunidade veciñal e a mellorar, así, a súa calidade de vida.

OBXECTIVOS

  • Achegar aos alumnos o coñecemento da experiencia teatral e os seus elementos principais.

  • Ofrecer á mocidade que habita na contorna rural alternativas culturais para o seu tempo de lecer e favorecer o seu desenvolvemento social.

METODOLOXÍA

  • O conxunto dos participantes realiza unha primeira sesión de distensión.

  • A continuación fórmanse 4 grupos de 7 persoas que rotarán polos distintos obradoiros.

  • Finalmente, os grupos traballan na creación dun breve espectáculo teatral.

100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar