LABORATORIO AUDIOVISUAL DE VEDRA (LAV)

NOME DA ENTIDADE Asociación Senunpeso Producións TÍTULO DO PROXECTO Laboratorio Audiovisual de Vedra WEB https://senunpeso.org CONTACTO senunpeso@gmail.com

DESCRICIÓN DO PROXECTO:

O Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV) celébrase cada mes de febreiro desde o 2008. Nese momento eran xa abondosos os festivais audiovisuais pero moito máis escasas as iniciativas relacionadas coa formación nesa materia. Apostouse entón por un proxecto que tivese como eixo unha serie de obradoiros que buscasen tres obxectivos: promover o espírito crítico e o debate, fomentar a autonomía creativa das persoas participantes e apostar polo coñecemento práctico, a formación ligada á acción.

O proxecto diríxese a un público heteroxéneo. Nos cursos participan persoas de todas as xeracións, con formación destinada a persoas adultas, a rapaces e rapazas desde os 10 anos e a persoas da terceira idade, todas elas compartindo espazo e experiencias. Tamén son diversos os niveis de coñecemento: profesionais, amadores e persoas que teñen no laboratorio o seu primeiro contacto co mundo audiovisual. Esta heteroxeneidade non é casual: búscase a integración e que a convivencia de perfís tan diferentes nun mesmo espazo cree sinerxias de traballo e emocionais positivas.

O proxecto quere achegar dinámicas creativas ao concello pero tamén transcender máis aló do local, contribuíndo a mostrar que desde o rural é posible facer actividades innovadoras que interesen en todo o territorio galego. Queremos a un tempo trasladar aos ámbitos audiovisual e cultural unha imaxe desprexuizada do rural e axudar a difundir no noso contexto as novas formas da cultura galega.

Os cursos ofrecidos teñen unha orientación práctica, completada cunha base teórica. O profesorado está formado por profesionais de prestixio, maioritariamente do ámbito galego. Procuramos a corresponsabilidade económica dos participantes: os cursos para persoas adultas son de pago, de xeito que son autosuficientes. As axudas públicas (en 2017 do Concello de Vedra e a Deputación da Coruña) permiten afrontar os gastos comúns e de produción, os cursos de balde dirixidos a escolares e a terceira idade e as actividades do resto do ano.

O LAV complétase cunha mostra audiovisual na que se exhibe cinema galego: curtas e longametraxes, de xénero documental ou de ficción. Procúrase que os seus directores ou directoras acudan a presentalas e establecer con eles un coloquio, porque a mostra concíbese como unha ferramenta para dar a coñecer as creacións audiovisuais galegas e xerar debate arredor delas.

OBXECTIVOS:

  • Fomentar a autonomía creativa.
  • Trasladar unha imaxe desprexuizada do rural e difundir no noso contexto as novas formas da cultura galega.

METODOLOXÍA:

O LAV concentra nunha fin de semana unha mostra audiovisual e unhas xornadas de formación con orientación práctica. Inclúe cursos para todos os niveis (iniciación, medio e avanzado) e todas as idades.
100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar