ESPAZO ACTIVO DA ULLA-PASABODEGHAS

NOME DA ENTIDADE Asociación Cultural San Campio TÍTULO DO PROXECTO Espazo Activo da Ulla-Pasabodeghas WEB https://arequintadalaxeira.com CONTACTO acsancampio@gmail.com

DESCRICIÓN DO PROXECTO:

O Espazo Activo da Ulla é un espazo de cultura, encontro, lecer e animación. Nace no seo da Asociación Cultural San Campio no ano 2001 a partir de contactos persoais entre membros de asociacións.

A realización deste proxecto fundaméntase no vacío existente de actividades alternativas nesta zona do rural, e na falla de espazos para o encontro; na procura da promoción e a cooperación cultural, a difusión e o espallamento da cultura das terras da Ulla en particular e da galega en xeral.

Ao longo da súa vida esta iniciativa sufriu unha evolución, dando lugar a diferentes cambios no formato, partindo sempre dunha análise de necesidades e das inquedanzas dos veciños e veciñas e membros da entidade.

Actualmente plantéxase na última fin de semana do mes de outubro. Durante estes dous días xérase un espazo aberto e de convivencia.

A actividades estrela é o "Pasabodeghas" que se celebra o sábado pola tarde; unha ruta gaiteira por 7 adegas-casas que se converten en espazos de gastronomía e cultura. Nos diferentes espazos encóntranse obradoiros, xogos populares, exposicións, postos de artesanía, mercado da terra, espectáculos de teatro, circo, animación, grupos de música tradicional...

As persoas participantes poden degustar os produtos gastronómicos da zona (viño-tapas) ao tempo que disfrutan dun amplo abano de actividades.

Pola noite no espazo "Festex-arte" teñen lugar os concertos de grupos de música folk, ska, rock... acompañados dun magosto.

O domingo celébrase un xantar-foliada de confraternidade. O remate pono un espectáculo alternativo de circo, contacontos...

A nivel xeral, hai un bo nivel de participación e implicación.

Cóntase coa colaboración de diferentes axentes comunitarios (asociacións, grupos musicais, empresas, organismos públicos)... e tamén de particulares.

Na organización participan de forma directa entorno ás 80 persoas. Máis de 3.000 persoas acoden cada ano a este evento.

En definitiva, este proxecto busca un uso activo e creativo do lecer da poboación xeral (nenos/as, xóvenes, adultos e maiores) ao tempo que pon en valor as manifestacións culturais galegas como parte do noso patrimonio cultural.

OBXECTIVOS:
  • Promocionar alternativas socioculturais na comarca da Ulla.

  • Favorecer o desenvolvemento comunitario e endóxeno do territorio.

  • Recuperar espazos para o encontro aproveitando ao máximo os recursos que ofrece a zona.

  • Incentivar o espírito creativo, xerando actividades, obradoiros, espectáculos, mostras, concertos...

METODOLOXÍA:

A metodoloxía para desenvolver este proxecto baséase na Animación Sociocultural-Dinamización comunitaria, entendida como unha proposta de traballo dinámico e do día a día, na acción e participación, na dinámica grupal, na integración, na coeducación e o compromiso.

Os diferentes espazos, preséntanse dun xeito aberto á participación e fomentando o intercambio de experiencias entre os asistentes, e entre estes e mailos veciños/as da zona a través das diferentes actividades.

En base ó exposto, a organización xeral é cooperativa, consensuando conxuntamente o mellor xeito de poder levar a cabo as actividades propostas, e participando activamente no evento e nas accións de traballo.

100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar