DE PONTE EN PONTE

NOME DA ENTIDADE Asociación Raiceiros TÍTULO DO PROXECTO De Ponte en Ponte WEB https://www.raiceiros.org/ CONTACTO raiceiros@yahoo.es

DESCRICIÓN DO PROXECTO:

Raiceiros é unha asociación sociocultural e prestadora de servicios á mocidade, constituída en outubro de 2001. Entre os seus fins adquire principal relevancia a recuperación e difusión do patrimonio cultural, a través de calquera tipo de actuación encamiñada á promoción da cultura en tódolos seus aspectos e manifestacións, fomentando a participación activa das persoas no desenvolvemento social e cultural do territorio.

Un equipo de 12 persoas implicáronse de forma directa nesta iniciativa.

O proxecto consta de dúas fases:

  • Creación dun xogo didáctico; que combina un taboleiro e 200 tarxetas con preguntas e respostas sobre o río Ulla e a cultura galega. As persoas participantes irán avanzando casiñas cando respondan de forma correcta ás diferentes preguntas.

  • Desenvolvemento de obradoiros culturais coa idea de educar no valor e recoñecemento deste territorio. Dando a coñecer as curiosidades, os costumes, as tradicións, a cultura, a gastronomía, a agricultura, a natureza...que se encontra arredor do río Ulla.

Para estes obradoiros ademáis de dispoñer do xogo contouse con material audiovisual e gráfico como complemento. Os obradoiros foron adaptados en función da idade dos destinatarios/as, establecendo catro niveis.; de 8 a 12 anos, de 13 a 16 anos, de 17 a 30, máis de 30 anos. Estaban dinamizados por monitorado e tiñan unha duración de 1:30 h.

Estes obradoiros desenvolvéronse en centros educativos e socioculturais, en asociacións, bibliotecas e outros locais municipais... dos concellos bañados polo río Ulla.

En total desenvolvéronse máis de 30 obradoiros nos que participaron entorno aos 500 xóvenes.

En xeral este proxecto avaliouse de forma moi positiva, porque foi o punto e final dun ciclo de traballo de varios anos realizando recollidas de campo coas persoas maiores; e con estas accións todo este labor veu a luz.

Polo tanto este iniciativa axudou a recordar que " para existir, cada persoa precisa dar testemuña da súa vida diaria, expresar a súa capacidade creativa e preservar os trazos da súa historia".

E nesta liña segue a traballar Raiceiros, recuperando a memoria colectiva, cultural e social, para lembrar e avanzar...

OBXECTIVOS:

  • Recuperar, difundir e poñer en valor o patrimonio cultural, natural e social do entorno do río Ulla.

  • Elaborar un xogo didáctico que promova o patrimonio material e inmaterial da cultura popular galega en xeral, e en particular das terras do Ulla.

  • Educar no patrimonio.

METODOLOXÍA:

A metodoloxía foi activa e participativa. Combinamos sesións organizativas con outras de recollida de campo.

Tivemos sesións creativas para o deseño do material didáctivo e encontros coas persoas maiores para seguir afondando na cultura inmaterial. Os mozos e mozas participantes formaron parte destas sesións e encontros de maneira protagonista, coordinando as diferentes fases do proxecto.

Os obradoiros foron dinámicos e cooperativos xerando un espazo para compartir experiencias, aprender cousas novas, coñecer outras realidades, divertirse... nun clima de igualdade, integración e solidariedade.

100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar