TEATROFILIA-MOSTRA DE TEATRO AMADOR DE VEDRA

NOME DA ENTIDADE Asociación Cultural Papeventos TÍTULO DO PROXECTO Teatrofilia-Mostra de Teatro Amador de Vedra WEB www.asociacionpapaventos.blogspot.com CONTACTO ac_papaventos@yahoo.es

DESCRICIÓN DO PROXECTO:

A Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, é un dos encontros de teatro afeccionado máis consolidados de toda Galicia. Celébrase no concello de Vedra (A Coruña) coincidindo co agromar da primavera dende o ano 2003.

HISTORIA:

Teatrofilia naceu no ano 2003, impulsada por un grupo de mozos e mozas que dous anos antes fundaran a compañía Andaravía Teatro ao abeiro da Asociación Cultural Papaventos, creada en 1988 pero inactiva dende 1994.

Por aquel entón, a ausencia de circuítos para a exhibición de teatro amador dificultaba a mobilidade xeográfica das compañías afeccionadas que non podían amosar as súas montaxes máis aló do súa contorna.

Esta circunstancia, sumada á escasa programación cultural dun municipio do medio rural como Vedra, levou á asociación a impulsar a creación da Mostra co fin de proporcionar un espazo de expresión artística para os grupos afeccionados e contribuír, ao tempo, á dinamización cultural do concello.

Dende entón, Teatrofilia tense convertido nun referente do teatro amador galego, ofrecendo unha programación estable durante tres fins de semana entre marzo e abril.

ELEMENTOS DEFINITORIOS E SINGULARES:

  • Convocatoria dun concurso de carteis para anunciar a Mostra no que ten participa xente de toda a xeografía española e tamén do estranxeiro. Durante a Mostra pode realízase unha exposición cos carteis recibidos.

  • É unha Mostra heteroxénea tanto polos diferentes xéneros e estilos teatrais das obras que se representan, como pola procedencia xeográfica dos grupos participantes.

  • Préstase especial atención ao público infantil para o cal se programan diferentes espectáculos e se organiza unha "tarde infantil" na que diferentes grupos escolares, de Vedra e a súa contorna, soben as táboas para presentar as súas obras.

  • En cada edición, contamos tamén coa actuación dunha compañía profesional. A convivencia entre o teatro amador e o profesional permite ao espectador coñecer as diferencias entre ambos os dous, enriquecerse cos matices e achegarse ao teatro profesional.

  • A programación enriquécese ano a ano grazas á presenza de propostas innovadoras coas que se quere achegar as diferentes expresións teatrais a un público que pretende ser cada vez maior e mais diverso. Por exemplo introducimos: obradoiros de marionetas, pasarrúas, visitas teatralizadas, radioteatro, teatro fórum...

  • Teatrofilia realízase no ámbito rural, en Vedra, un concello de 5.000 habitantes que non conta con ningún núcleo urbano significativo, polo que esta Mostra ofrece aos seus veciños unha oferta teatral extensa e estable.


OBXECTIVOS:

  1. Constituír un espazo de exhibición para os grupos de teatro da comarca e fomentar así a creación dramática por parte de colectivos e asociacións.
  2. Acoller unha mostra representativa do teatro afeccionado galego nun espazo escénico apropiado e equipado tecnicamente.
  3. Dinamizar o medio rural e proporcionar unha oferta cultural e teatral á veciñanza.

METODOLOXÍA:

  • Recepción de propostas e visionado das montaxes.
  • Reunións periódicas para debater as propostas e elaborar o programa.
  • Reparto de tarefas durante o desenvolvemento da Mostra.
  • Avaliación final a través de cuestionarios e asistencia.

100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar