ESCOLA DE VERÁN DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

NOME DA ENTIDADE Asociación Medioambiental de Vedra AMABUL TÍTULO DO PROXECTO Escola de Verán de Desenvolvemento Sostible FACEBOOK www.facebook.com/asoc.amabul CONTACTO asoc.amabul@gmail.com

DESCRICIÓN DO PROXECTO:

A "Escola de Verán de desenvolvemento sostible" é un proxecto con vocación de plan que nace no ano 2008 para paliar a deficiente oferta educativa que dispuñan as mozas e mozos, maiores de 13 anos do concello de Vedra, para o seu tempo de lecer no verán. Nun primeiro momento esta iniciativa está impulsada dende a concello contando coa colaboracion de grupos informais de xovenes; anos despois pasa a ser xestinonada por Amabul.

Nos seus albores optouse pola educación ambiental como ferramenta principal: cumios de desenvolvemento sostible, reporteiros do medio ambiente, traballadores da terra... pero ano a ano, naturalmente fóronse integrando outras estratexias educativas para a formación en valores, o autocoñecemento e a identidade persoal, a valorización do acervo cultural...

O plan de acción deseñouse sobor unha base temporal dividida en trienios. Segundo esta, os/as mozos/as entran na Escola de Verán con 13 anos cun nivel de participación medio que progresivamente van incrementando até acadar o seu primeiro trienio (aos 16 anos). A partir desta idade poden darse dúas posibilidades: que as/os participantes abandonen a escola ou que continúen nela. O rol dos/as mozos/as que continúan na escola vai mudando durante o seu segundo trienio; inicialmente cara a figura dun "irmán maior", un "pre-monitor" e para rematar converténdose nun "facilitador de accións de cambio" (a partir dos 18 anos). Pasada esta segunda fase, o groso do grupo adoita abandonar a dinámica diaria da escola e só aquelas persoas cunha marcada vocación pedagóxica se manteñen ao fronte do proxecto.

Naceu como un proxecto a desenvolver exclusivamente durante o mes de xullo, pero dado o grao de implicación de todas as persoas e institucións que acometeron a iniciativa e comprobada a potencialidade pedagóxica que atesouraba, os organizadores decidiron artellar unha secuencia didáctica que, a medio prazo, acadase os obxectivos da auto mobilización e do empoderamento efectivo das/os adolescentes. Amais de executar a actividade central do mes de xullo, foise creando un entramado anual de actividades co fin de motivar e capacitar aos futuros promotores do cambio. Asemade, a dinámica da propia escola funciona como incubadora do proxecto da seguinte escola.

Para acadar estes obxectivos, e cunha periodicidade bimestral, toda a comunidade educativa da Escola de Verán, realiza xuntanzas, foros, actividades e cursos nos que prima o papel protagonista de todos os/as implicados/as. A escola convértese así nun espazo onde crear sen prexuízos, onde imaxinar sen límites e onde realizarse sen medos.

Ista é a educación na que cremos dende a nosa asociación, porque consideramos que é imposible traballar por un futuro sostible se antes non traballamos por acadar persoas comprometidas co presente, persoas con identidade propia e persoas que emocionalmente estean vencelladas ao seu territorio.

OBXECTIVOS:

  • Xerar condicións óptimas para un desenvolvemento sostible.
  • Promover unha conciencia social para a defensa e mellora do medio.
  • Revalorizar e asumir os dereitos e obrigas como cidadáns no respecto ao patrimonio natural, histórico-cultural e social.

METODOLOXÍA:

Aséntase nos principios da coparticipación, corresponsabilidade e coaprendizaxe; é lúdica, activa, social e reflexiva. Parte dun enfoque transversal, integrado e dialóxico, procurando o desenvolvemento de competencias de vida.

100% EXPERIENCIAS QUE TRANSFORMAN VEDRA
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar